Ir ao contido
FicharPyme.es

Funcionalidades

Que fai, e a quen lle serve.

Ordenado por quen o usa e non por como está feito por dentro, porque nunha peme de 12 traballadores esas catro persoas adoitan ser tres — e ás veces a mesma dúas veces—.

Quen ficha

A súa xornada, sen buscala.

A pantalla de quen traballa non é un panel de control: é un botón grande e as súas horas debaixo. Nada máis entrar xa sabe como vai o mes.

Fichar
Entrada, saída e pausas. A hora ponna o servidor, nunca o móbil.
As súas horas do mes
Ao entrar, sen buscalas. É o que o TXUE chama accesible, e por iso está o primeiro.
As súas marcas, unha a unha
E as que non puxo ela saen diferenciadas, con cor e cunha etiqueta en palabras.
Que datos constan sobre ela
A súa ficha enteira, con «Non consta» onde non hai nada. É condición previa para poder pedir que se rectifiquen.
Pedir unha ausencia ou vacacións
Co saldo diante ao escoller as datas, e o xustificante cifrado se cómpre anexalo.
Pedir que se corrixa un día
Desde a fila da xornada, sen depender de que haxa un xefe de quenda: nunha empresa pequena moitas veces non o hai. Pídese cun motivo escrito, e quen xestiona decide.
Da empresa de demostración, con datos inventados. A aplicación está nas catro linguas; estas imaxes son da versión en castelán.

Quen leva unha quenda

O equipo de hoxe, dunha ollada.

Quen organiza unha quenda necesita dúas cousas: saber quen está dentro agora mesmo e poder mirar o mes sen saír da aplicación.

O equipo do día
Quen entrou, quen está en pausa e quen aínda non fichou.
A grella do mes
O mes enteiro da súa xente: o pasado desde as xornadas xa calculadas, hoxe en curso, e o futuro cos festivos e as ausencias que xa se saben.
Aprobar ausencias
As da súa xente, co saldo e a cobertura do día diante.
E o que NON ve
O motivo dunha ausencia médica. Ve que a persoa non vén e que está cuberta, e díselle en palabras que o motivo está reservado. É o art. 9 do RXPD.
Da empresa de demostración, con datos inventados. A aplicación está nas catro linguas; estas imaxes son da versión en castelán.

Quen xestiona

Todo o que hai que poder amosar.

É a parte máis grande, e non por gusto: case todo o que esixe o art. 34.9 acaba sendo un documento que alguén ten que poder sacar.

Cadro de persoal, contratos e centros
Cos seus responsables e o seu historial: quen dependía de quen e en que centro estaba cada día.
Regras de cómputo e calendario laboral
A xornada prevista, as pausas e os festivos, cos de cada centro á parte dos xerais.
Correccións que non borran nada
Cada unha co seu motivo, o seu autor e a súa data. O fichaxe orixinal queda: quedan os dous.
O rexistro de cambios
Consultable e con filtros. Quen tocou que, cando e desde onde.
Informes en PDF
Co seu pé normalizado e a pegada do período impresa, xunto coa fórmula coa que se calcula — un hash do que non se publica como se obtén non o pode comprobar ninguén—.
Resumos mensuais
Os do art. 12.4.c) para tempo parcial, emitidos o día 1, versionados se unha corrección tardía cambia o mes, e coa descarga acreditando a entrega.
O documento de organización
O do art. 34.9, xerado desde a configuración real da empresa e versionado cada vez que esa configuración cambia. Non o escribe ninguén a man.
Vacacións e saldos
Por persoa e ano, con arrastre configurable e bolsa de días debidos.
Xornada intensiva e reparto da semana
O verán intensivo, o venres curto ou as horas repartidas como as teña o teu convenio, e a previsión do ano co que levas cumprido.
Da empresa de demostración, con datos inventados. A aplicación está nas catro linguas; estas imaxes son da versión en castelán.

Quen inspecciona ou representa

Dúas portas máis, e cada unha ve o seu.

O rexistro ten que estar a disposición de tres partes, e non da mesma maneira. Así que hai tres camiños distintos e ningún fai o traballo doutro.

A Inspección de Traballo
Emítese unha credencial temporal de só lectura, acoutada ao período que pida. Non é unha conta, non leva o contrasinal de ninguén e revógase cando toca.
O paquete completo
Un descargable co rexistro do período, os seus totais e a comprobación de integridade. Sae igual aínda que esa comprobación falle, pero marcado en todas as páxinas: negarse a emitilo deixaría a empresa sen poder amosar o seu rexistro por un fallo que pode ser noso.
A representación legal
Ve xornadas e totais do seu ámbito. Non ve o DNI, nin o correo, nin o motivo dunha corrección: é o principio de pertinencia, e aquí aplícase quitando datos, non pedindo discreción.
Da empresa de demostración, con datos inventados. A aplicación está nas catro linguas; estas imaxes son da versión en castelán.

Quen ve que

Cada papel ve o seu, e ningún pisa o outro.

Os tres primeiros contéñense uns a outros. As outras dúas portas non son máis grandes: son outras, e ven menos.

A empresa enteira

Quen xestiona: o cadro de persoal e os documentos que hai que poder amosar.

O meu equipo

Quen leva unha quenda, e só os días en que o tiña a cargo.

As miñas xornadas

Quen ficha ve as súas e os seus propios datos. De ninguén máis.

E dúas portas á parte

A Inspección de Traballo

Só lectura, acoutada ao período que pida e con caducidade.

A representación legal

Xornadas e totais do seu ámbito, sen DNI, sen correo e sen o motivo dunha corrección.

Na túa lingua

Catro linguas, e escólleaa cada persoa.

Non a escolle a empresa: cadaquén pon a súa nos seus axustes e vea así desde o primeiro día. Estas son palabras da aplicación, tal e como saen na pantalla.

  • Castellano

    FichajeÚltimo registro:Salida

  • Català

    FitxatgeÚltim registre:Sortida

  • Galego

    FichaxeÚltimo rexistro:Saída

  • Euskara

    FitxaketaAzken erregistroa:Irteera

Sen bandeiras: unha bandeira é un estado, e aquí falamos de linguas.

No móbil

Instálase coma unha aplicación. Sen ser unha aplicación.

Chámase PWA, e o único que hai que saber é o que fai: ábrese no navegador unha vez, prémese «instalar», e a partir de aí queda unha icona no móbil ou no escritorio que abre a pantalla completa, sen barra de enderezos e sen volver teclear o enderezo. Nin tenda, nin descarga, nin permisos.

  1. 1. Ábrea no navegador

    Coma calquera web, desde o móbil ou desde o ordenador. Non hai nada que descargar.

  2. 2. Pide instalala

    Un toque no menú do navegador. Nin tenda, nin descarga, nin permisos: é a mesma web, gardada.

  3. 3. E quédache na pantalla

    Abre a pantalla completa, sen barra de enderezos, e lembra a túa sesión.

Onde está o botón

No ordenador
Unha icona á dereita da barra de enderezos, en Chrome e en Edge.
En Android
O menú dos tres puntos, e «Engadir á pantalla de inicio».
En iPhone
O botón de Compartir, e «Engadir á pantalla de inicio». Safari non o ofrece nunca só, así que hai que ir buscalo.

Na entrada

Unha tableta vella no recibidor, e acabouse o «xa o apunto despois».

Para a perruquería de cinco persoas, o taller ou o bar: xente que non traballa diante dun ordenador e para a que entrar nunha web e fichar é unha fricción diaria. Déixase un aparello con navegador na entrada e fíchase alí ao chegar e ao saír.

Nin aplicación nin aparello especial
É unha pantalla web máis, pensada para un dedo e para estar sempre acesa. Vale unha tableta vella ou un portátil que xa non use ninguén.
Cadaquén co seu PIN
Catro cifras que se teclean en tres segundos. Actívao a propia persoa desde o seu portal, e nin quen xestiona pode poñerllo nin velo — quen che pode dar un PIN pode fichar por ti—.

A tableta dun centro só lista a quen traballa nese centro. Se o aparello se perde, revógase desde o panel e deixa de servir no acto.

A tableta da entradaO panel da entrada, nunha tableta
O teclado do PINEscollida a tarxeta, un teclado grande para teclear o PIN. Só pide catro cifras.
Da empresa de demostración, con datos inventados. A aplicación está nas catro linguas; estas imaxes son da versión en castelán.

E isto non

O que non fai, e por que non o vai facer.

Biometría
Nin pegada dactilar nin recoñecemento facial. Nunca. Non ten base xurídica para o control horario en España, e a AEPD multou por iso.
Xeolocalización
Non sabemos onde está ninguén, nin o queremos saber.
Nóminas
Nin as leva nin as calcula. Para iso xa tes xestoría.
Cadros de quendas
Non planifica quendas previstas. Rexistra o que ocorreu, que é outra cousa.
Encher ocos
Un día sen saída queda incompleto e con cero minutos, agardando unha corrección explícita. Non inventa nin un minuto, e isto non é unha limitación: é a SAN 22/2022.
Aplicación nativa
Non hai app de Android nin de iPhone, e o que achegaría son as dúas primeiras casas desta lista. O argumento enteiro está na portada.